O Estado de Dereito protexe aos traballadores

Unha vez coñecida no día de hoxe a Sentenza emitida polo Tribunal Supremo no que se consolida a permanencia de Ence ata o ano 2073, María Rey felicita aos traballadores e traballadoras porque xa poden durmir tranquilos.

Dende Espazo Común por Pontevedra mantemos que é a lexislación a que ten que decidir o futuro de Ence e tócanos acatar as decisións xudiciais.

Esperamos que a frase “dereito de pernada” (o privilexio do señor feudal de consumar relacións coas súas servas) dita por Lores con respecto a Ence non se volva utilizar baixo ningún concepto, xa que as connotacións machistas por moito que se traten de frases feitas non teñen cabida cando falamos de postos de traballo. Probablemente o noso alcalde se crea un señor feudal, pero as mulleres de Pontevedra xa non choramos, facturamos.

Así mesmo, María Rey agarda que esa loita anunciada de que se vai continuar por terra, mar e aire a pague o alcalde do seu bolsillo porque o que se debería facer é comezar a gastar o diñeiro dos pontevedreses en conseguir unha cidade propia dun Estado de Benestar Social e de Promoción Económica; o de Dereito xa o temos.

Hoxe gañan moitas familias nesta cidade e agardamos que nuns meses gañen moitas máis.