O Concello castiga a Monte Porreiro

Após a polémica xurdida pola peonalización de Monte Porreiro a asociación de veciños O Mirador opúxose frontalmente ao Concello. Monte Porreiro alzaba a voz para dicir NON á peonalización. Nese momento creábase unha plataforma afín ao grupo de Goberno para defendela. Por ese posicionamento, Espazo Común por Pontevedra considera que están castigando ao barrio.

Este ano o Entroido en Monte Porreiro está á altura das luces de Nadal. Non se lle concede axuda algunha, por parte do Concello, á Asociación Veciñal máis representativa, como se viña facendo todos estes anos para a celebración do Entroido, pero sí parece que reciben axuda as afíns á plataforma do BNG para realizar unha festa infantil.

Este ano Monte Porreiro non disfrutará das comparsas que enchían o barrio de cor nin dos centos de persoas que se disfrazaban e acudían a disfrutar do evento.

Este ano Monte Porreiro celebrará un Entroido Infantil e todo apunta a que se fai como pago ao favor que a Plataforma lles fixo. Benvidas sexan todas as iniciativas que dean vida ao barrio, pero a busca de réditos políticos non pode ser o camiño.

Este ano a Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro está castigada! Castigada por opinar diferente e en contra da opinión do grupo de Goberno, táctica habitual utilizada polo BNG.

Frente a este continuo “pago de favores” por parte do Concello, este ano o Banco de Alimentos de Monte Porreiro está baixo mínimos en canto a leite e aceite e dende aquí solicitamos axuda a todos os pontevedreses, quen sempre mostraron a solidariedade que falta en Michelena, 30. Moitas das familias usuarias do banco teñen nenos e nenas pequenas e o leite e o aceite son esenciais para o seu desenvolvemento.